Saturday 18 de May de 2024

Virginia Red, TanDub e Lamatumbá, no cartel da próxima edición da Noite de Bolos de Neda


O festival musical que precede á Festa do Pan celebrarase o sábado 2 de setembro no paseo marítimo de Xuvia

O Concello de Neda avanzaba esta mañá o cartel da Noite de Bolos, o festival que celebrará o sábado 2 de setembro, na víspera da XXXIII Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia.

No paseo marítimo de Xuvia, e a partir das 21:30 horas, Noite de Bolos volverá a apostar forte pola diversidade de estilos, cunha programación que arrancará coa rock band local Virgina Red, que en apenas 3 anos de vida ten sacado varios singles e tocado nalgúns dos festivais e salas máis importantes da provincia.

Tomará o relevo sobre o escenario TanDub e o seu singular son froito da fusión da música tradicional do norte de Marrocos con outros xéneros como o reggae, drum&bass ou dub. E, pechando o festival, Lamatumbá, no seu regreso aos escenarios tras un parón de 12 anos. Unha das bandas máis recoñecidas dos últimos tempos, referente da mistura de estilos e xéneros cos ritmos tradicionais galegos.

De seguido, achegamos unha breve reseña de cada un dos grupos que tomarán parte na próxima Noite de Bolos:

VIRGINIA RED

É unha banda galega formada en Neda no ano 2020 por catro amigos da comarca: Hugo Espiñeira (batería), Anxo Cabada (guitarra), Ángel Martínez (baixo) e Diego Rodríguez (cantante e guitarra). Un ano despois, sacan o seu primeiro EP, titulado Wishing On, e ao ano seguinte, únese un novo integrante aos teclados, Martín Grela, completando así a formación do grupo. Habituais dos escenarios da provincia, teñen participado en festivais como o Nachiño Fest, A Revolta do Umia ou o Fene Rock.

TANDUB

É un proxecto que fusiona a música tradicional Gnawa (Norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, drum&bass ou dub, mesturando instrumentos clásicos dunha banda, coa electrónica e instrumentos tradicionas